Os lucenses de Castroverde viaxan cara a España con nove ucraínos
Traen dúas familias e un rapaz que ten a súa nai na Coruña
Os dous veciños de Castroverde que viaxaron a Polonia para recoller refuxiados esperan chegar mañá a Galicia con nove ucraínos. Héctor Pérez e Paulo Ribeiro traen nos seus coches dúas familias e un neno que ten a nai na Coruña.
Localizaron os ucraínos que traen a través de familiares residentes en España que coñeceron polos medios de comunicación e as redes sociais a súa viaxe solidaria e que se puxeron en contacto con eles. Catro persoas veñen con Héctor Pérez, impulsor da iniciativa.
"Ímonos para España. Estamos cruzando a Alemaña, nun día, en 24 horas, calculamos chegar. Forza Ucraína", di Hector Pérez desde o coche.
Outros cinco veñen co seu compañeiro Paulo Ribeiro. Xa eran oito, pero chamáronos para que incluísen un rapaz que ten a nai ucraína na Coruña, e decidiron traelo.