Máis de 2,7 millóns de civís fuxiron da guerra ucraína, segundo ACNUR
Os refuxiados en Polonia poden solicitar un permiso de residencia de ata tres anos
A guerra causou ademais dous millóns de desprazados internos
O éxodo dos ucraínos que foxen da guerra non ten fin. Segundo as cifras que ACNUR actualiza cada día, son xa dous millóns setecentos mil. A maioría chegaron á veciña Polonia. Outros elixiron Hungría, Romanía ou Moldova, un dos países máis pobres de Europa e un dos máis solidarios nesta crise de refuxiados.
Un día máis, no paso fronteirizo de Medya, en Polonia, miles de persoas, mulleres e nenos principalmente, agardan con tristeza e paciencia o autobús que os levará a un centro de acollida ou á casa dun familiar, nalgún lugar deste país ou de Europa. E un día máis os voluntarios, incansables, reparten comida ou axudan ás persoas con problemas de mobilidade.
A Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados segue facendo reconto. Dous millóns setecentos mil ucraínos fuxiron do país. Un millón seiscentos mil chegaron a Polonia. As autoridades esperaban a chegada diaria dunhas 30.000 persoas pero só na primeira fin de semana de marzo cruzaron a fronteira 272.000.
Código de identificación
Desde este domingo, aos ucraínos que quedan en Polonia danlles un código de identificación especial para ter recoñecemento legal durante 18 meses e solicitar permiso de residencia de ata tres anos. A lei aprobada polo goberno polaco ten carácter retroactivo desde o 24 de febreiro, cando comezou a invasión rusa.
En Romanía, o paso de Siret converteuse na entrada principal de refuxiados. Ata aquí chegaron 84.000 persoas. Olga di que lle preocupa a xente que non puido saír de Ucraína e explica que é aterrador o violento e inhumano que é o que está pasando no seu país. María confía en non ser refuxiada moito tempo e poder volver á súa casa.
Ademais de Polonia, Romanía, Hungría ou Moldova, 300.000 refuxiados elixiron outros países que non son veciños de Ucraína. A estas cifras hai que engadirlles os máis de dous millóns de desprazados internos xerados pola guerra.
Algunhas ONG están alertando do perigo de tráfico, explotación e abuso que poden correr os menores e adolescentes que foxen de Ucraína.