Os sindicatos din que o seguimento do paro conserveiro foi masivo e a patronal sitúao no 27 %
En Galicia, as traballadoras do sector galego da conserva saíron á rúa para reclamar un convenio laboral digno e a fin da brecha salarial coa equiparación de salarios entre homes e mulleres

A segunda xornada da folga do sector español de conservas de peixe foi secundada pola "práctica totalidade" dos traballadores convocados, segundo os sindicatos, mentres que a patronal Feicopesca contabilizou un seguimento do 27,5 %.
O paro, ao que estaban chamados 30.000 traballadores de 700 empresas, foi convocado polos sindicatos UXT, CCOO e CIG ante o desacordo nas negociacións do convenio colectivo estatal.
Trátase da primeira folga en décadas no sector español da transformación de peixes e mariscos e consta de tres xornadas: os días 21 de xaneiro, 3 e 4 de febreiro; afecta fábricas de todo o país, pero atinxe maioritariamente a Cantabria e Galicia.
UXT e CCOO celebraron, en senllos comunicados, o "éxito" da convocatoria da presente xornada e aseguraron que "a práctica totalidade" dos traballadores secundou a folga.
En Galicia, as traballadoras do sector galego da conserva saíron á rúa para reclamar un convenio laboral digno e a fin da brecha salarial coa equiparación de salarios entre homes e mulleres, con concentracións en Vigo, Vilagarcía de Arousa e Boiro.
As mobilizacións a punto estiveron de quedar abortadas este mércores, xa que, como explicou en Vigo Suso García, secretario comarcal da CIG, “estiveron moi preto de chegar a un acordo" nunha reunión negociadora maratoniana, pero os sindicatos non aceptaron a flexibilidade solicitada pola patronal para a xornada de fin de semana.
Respecto aos salarios, a patronal ofreceu un incremento do 6,5 % en 2021 e dun 1 % en 2022, 2023 e 2024, o que para a CIG é insuficiente. En todo caso, a parte social está disposta a conformarse cun incremento do 1,5 % para os tres últimos exercicios de vixencia do convenio polo que as posturas entre as partes non están tan afastadas.
Pola contra, Feicopesca asegurou, nun comunicado, que houbo un descenso no seguimento da folga respecto a a convocatoria do día 21, "a pesar da existencia de piquetes de maior intensidade" que evitaban o acceso ás instalacións. En números globais cifrou o seguimento no 27,2 %, cun 27,6 % en Galicia e un 24,8 % en Cantabria.