Os socialistas portugueses perden nas enquisas o seu obxectivo da maioría absoluta
Os conservadores recortan diferenza cos socialistas de Costa
A ultradereita sería a gran beneficiada deste adianto electoral e quedaría en terceiro lugar

O Partido Socialista portugués de António Costa, o actual primeiro ministro do país, non conseguiría a maioría absoluta que hai uns días tocaba, segundo unha última enquisa. O propio Costa no inicio da campaña electoral chamaba aos seus votantes a acudiren ás urnas para conseguir este obxectivo nos vindeiros comicios do día 30 de xaneiro.
Na sondaxe para o xornal Público e a RTP, a caída dos socialistas é tan acusada que os conservadores do PSD están a só catro puntos (PS 37 % — PSD 33 %). Trátase da menor distancia en tres anos.
Como xa leva acontecendo dende hai meses nas sondaxes, o partido de ultradereita Chega conseguiría quedar en terceiro posto e pasaría dun deputado no 2019 aos sete que conseguiría desta volta; quitaríalle ese posto ao Bloco de Esquerda, que perdería 14 escanos ao obter segundo esta enquisa cinco deputados no Parlamento da República. O Partido Comunista tamén sairía perdendo escanos e pasaría dos 12 conseguidos no 2019 aos cinco que prognostica a enquisa feita para a canle pública de televisión.