Os traballadores de Alu Ibérica asinan o acordo de indemnizacións
A multinacional pagará aos traballadores da Coruña e Avilés as indemnizacións previstas no acordo de xaneiro de 2019: 60 días por ano traballado e 10.000 euros máis

A multinacional Alcoa, os traballadores da súa antiga fábrica da Coruña e o administrador xudicial de Alu Ibérica firmaron o acordo polo que a compañía abonaralles indemnizacións aos empregados a cambio de que retiren as denuncias contra ela, segundo informa o comité de empresa coruñés.
A multinacional pagará aos traballadores da Coruña e Avilés as indemnizacións previstas no acordo de xaneiro de 2019: 60 días por ano traballado e 10.000 euros máis. Na planta coruñesa hai preto de 300 traballadores.
O acto de firma do ERE concursal márcase dentro da segunda fase de cumprimento da proposta de Alcoa. A data de extinción dos contratos de traballo está prevista para o 10 de maio de 2022.
Os traballadores renuncian a continuar cos procesos xudiciais abertos contra a multinacional. Os 16 traballadores que se deran de baixa da empresa esperan poder acollerse tamén ao acordo para poder acceder ás indemnizacións.