Os veciños denuncian o abandono da estrada de Camposancos, en Vigo
Reclaman dende hai anos beirarrúas ao Concello de Vigo
Peóns e peregrinos percorren a pé todos os días o camiño entre coches a gran velocidade
Saiáns é a primeira parroquia de entrada ao concello de Vigo, pero os veciños levan tempo denunciando que os tratan como os últimos. Asociacións da zona e de Coruxo hai anos que reclaman máis seguridade na estrada de Camposancos.
"A ver! A seguridade na zona... aquí hai unha fonte comunal, que a xente vimos moito para coller auga, e os que queremos cruzar a estrada, o que pedimos é un paso de peóns. O problema que temos é que saímos dunha curva, e como poñemos un paso de peóns?", comenta un veciño, mentres que outro di que "veño aquí unha vez ao mes pero vexo que sempre hai unha fila de coches que hai que pasar como se pode, claro que non hai beirarrúa".
Esta estrada de Camposancos acumula moitos puntos negros que rexistran numerosos accidentes, algúns deles con vítimas mortais. Por iso, as asociacións de veciños de Saiáns e Coruxo reclaman dende hai anos beirarrúas, pasos elevados ou de peóns, e mesmo radares para evitar a alta sinistralidade.
Entre Saiáns e Priegue apenas hai berrarrúas, a beiravía é mínima e os coches pasan moi pegados aos peóns. Co problema engadido da cantidade de peregrinos que transitan por esta estrada,
Como sinala Estela Rodríquez, da asociación de veciños San Xurxo de Saiáns: "Moitísimos, de feito en Saiáns temos un albergue para os peregrinos e veñen bastante, e pasan pegadiños aos coches, igual que os veciños".
Problemas tamén non lonxe de Saiáns. Como na avenida Ricardo Mella, preto de Coruxo, en que puxeron hai anos un semáforo para controlar a velocidade que nunca chegou funcionar.