Os veciños de Forcarei cren que os danos no cemiterio son froito dun acto vandálico
Parte do camposanto apareceu coas cruces e os remates dos panteóns sementados polo chan
A Garda Civil está a investigar cales puideron ser as posibles causas do acontecido
En Forcarei non deixan de pensar en que puido pasar ou quen puido deixar o cemiterio municipal tal e como apareceu, co chan sementado das cruces e remates decorativos dos panteóns. Foron moitos os veciños que se achegaron ata alí para comprobar se era o deles un dos afectados.
Case todos pensan que se trata dun acto vandálico. Porén será a Garda Civil, con quen contactou a Galega, quen determine o que pasou. Non desbotan ningunha hipótese pero, a diferenza do non rotundo dos veciños, tamén apuntan a un posible fenómeno meteorolóxico adverso como posible causa do acontecido.
Á espera das conclusións finais, o Concello xa presentou denuncia e está contactando cos particulares afectados para poñerse á súa disposición. Aseguran que, tratándose ademais dun tema tan delicado, van facer todo o posible para restaurar todo tipo de danos canto antes.