Os xabarís arrasan coa colleita de millo dun veciño de Xallas, en Negreira
Na parroquia levan anos denunciando os ataques: "Cada vez son máis e teñen menos medo"
Quedaba un mes para que Benigno apañase o millo, pero os xabarís gañaron a carreira e deixaron a súa leira completamente arrasada.
"Non queda nada, unha mazaroca de milagre en todo caso. Cada vez o problema vai a peor, empezaron poucos pero agora acaban con todo", lamenta Benigno García.
Leva anos padecendo as visitas do porco bravo, especialmente porque o seu millo non é para ensilar, senón para fariña, e iso gústalles aínda máis. Probou a poñer peches, a acender a radio e botar pelo e colonia na leira, pero ata o momento só lle funcionou pasar as noites en vela para asustalos. Pero Benigno xa ten unha idade para trasnoitar, e eles, di, cada vez son máis e teñen menos medo.
"Unha vez metinme co coche noutra leira que teño con peche e había un mundo deles, non logrei contalos da cantidade que había".
Tampouco Thor, este corpulento mastín leonés, logrou arredalos. Enfrontouse a un deles, pero, segundo nos conta este veciño, acabou escarmentado.
"Un xabaril moi grande mordeulle no pescozo, dous meses estivo o mastín coa ferida, agora tenlles medo"
Na parroquia de Xallas son moitos os que coma el, levan anos denunciando estes ataques. De feito moitos veciños deixaron xa de botar o millo e a este paso, di Benigno, non quedará ninguén.
"Non vale a pena o traballo, eu non podo máis, o Goberno non toma medidas e os cazadores tampouco actúan para reducir as poboacións".
O seu neto Kevin tampouco ten ganas de coller a remuda ante este panorama. Piden solucións urxentes porque, do contrario, din, as leiras desta parroquia de Negreira acabarán quedando a silvas.