Paso atrás nas aspiracións do Noia por permanecer na elite do fútbol sala
Queda como pechacancelas da categoría despois de perder por 4-2 na pista do Alzira

O Noia Portus Apostoli tiña unha final na pista do Alzira e saiu mal parado logo de perder por 4-2. Eran os dous últimos clasificados da LNFS e o cadro galego sabía que o partido ía ser decisivo na pelexa por evitar o descenso.
O primeiro tempo resultou moi igualado e acabou con empate despois de que os locais se adiantaran cun gol de Álex Naranjo e empatara Rufino para os do Barbanza.
No inicio da segunda metade decidiuse o partido con dous goles moi temperáns de Gon Castejón e Selbach. En menos de catro minutos o Alzira colleitaba unha vantaxe diante da que o Noia foi incapaz de reaccionar. Tentouno todo o cadro galego pero recibiu o cuarto e só puido recurtar diferenzas no último minuto cun tanto de Edu Jabá.
O Noia pecha a táboa con 18 puntos e agardando o que faga o mércores o Betis. O Alzira ten 19 e o Ribera Navarra e o Betis (cun partido menos) teñen 20 marcando a salvación.