Pecha unha praia de Sanxenxo por unha vertedura e recomendan non bañarse noutra de Vilagarcía
A praia de Lavapanos foi pechada ao baño debido a uns residuos liberados pola obstrución dun cano
A praia do Preguntoiro deu niveis altos de E. coli nunha análise das augas

Os concellos de Sanxenxo e Vilagarcía, na provincia de Pontevedra, informaron este venres de incidencias en dúas praias, concretamente o peche dunha no primeiro concello por unha vertedura e a recomendación de non bañarse nun areal de Vilaxoán por niveis altos de E. coli.
En concreto, en Sanxenxo, a obstrución dun cano na Rúa Madrid, á altura da praia de Lavapanos, provocou unha vertedura na praia. Aínda que a concesionaria xa atopou e arranxou a avaría, pechouse ao baño a praia por precaución.
Por outra banda, o Concello de Vilagarcía recibiu a última hora deste venres os resultados das análises feitas á auga da Praia do Preguntoiro, que deu niveis altos de escherichia coli, por encima dos permitidos. Así, e aínda que os niveis de enterococos está nos límites permitidos, recoméndase absterse de bañarse.

Neste último caso, o Concello criticou a "xestión da información" por parte da Consellería de Sanidade, xa que "sabían os resultados desde onte". "Non parece moi normal que se unha análise se fai o martes 6 e os resultados coñécense o xoves 8, como se admite no propio escrito da consellería, esperen ata o venres 9 a última hora da mañá para comunicalo ao Concello", dixo o Goberno local.