Pedro Sánchez censura a Putin e defende a política fiscal do Goberno
O presidente do Goberno, afectado pola covid-19, participa no Foro da Toxa mediante un vídeo gravado
Aposta pola solidariedade fiscal fronte aos que "pretenden desmantelar o Estado de benestar"
Pedro Sánchez non estivo in situ no foro da Toxa, pero telematicamente aludiu aos principais referentes do debate político. En primeiro lugar, censurou contundentemente que Putin anexionara parte de Ucraína a Rusia mediante uns "referendos de pantomima".
"Nin España nin Europa nin o conxunto da comunidade internacional imos recoñecer nunca esa anexión ilegal e, por tanto, esiximos a Putin que abandone Ucraína canto antes poñendo fin a esta guerra ilegal e inxusta. Putin sabe que non está gañando a guerra e sabe tamén que cada día está mais só".
Sobre a inflación, lembrou que os últimos datos á baixa indican que se está no bo camiño. Parte do discurso centrouno nas medidas fiscais do Goberno e defendeu uns impostos progresivos e solidarios ante a crise para que paguen máis os que máis teñen. En relación á fiscalidade, formulou unha pregunta que el considera clave.
"Que Estado de benestar queremos? E por tanto é tempo de elixir e as opcións son claras. Fortalecemos ou debilitamos o Estado de benestar? Robustecemos os servizos públicos ou os fraxilizamos?".
Sánchez asegurou que o antídoto ás propostas reaccionarias que están a xurdir na Unión Europea é unha sociedade máis xusta e cohesionada, e rematou enviando unha mensaxe de solidariedade ás mulleres de Irán.