Piden seguridade contra os atropelos nunha céntrica rúa de Celanova
Unha veciña da vila quedou ferida tras ser atropelada nun paso de peóns por un coche que fuxiu
O sinistro ocorreu nunha rúa famosa xa, entre os veciños, pola alta sinistralidade
O último atropelo ocorreu nun dos pasos de peóns da rúa San Rosendo de Celanova, o treito urbano da estrada comarcal 531. A vítima, unha muller duns 60 anos, foi trasladada en ambulancia en estado grave, pero consciente.
"O que nos comentaron as testemuñas é que a persoa cruzaba polo paso de peóns e o vehículo a golpeou dun lado e a tirou ao chan", di José Luis Rodríguez Álvarez, sarxento dos Bombeiros de Celanova.
O coche non se detivo, pero localizárono ao instante pola descrición das testemuñas. Trátase dun veciño da Gandarela, en Ramirás, que asegura que non foi consciente do atropelo. O problema, din os veciños, é que non é a primeira vez que sucede.
De feito, ao mesmo tempo que tiña lugar o atropelo, debatíase no pleno municipal a necesidade urxente de adoptar medidas de seguridade nesta vía. Unha proposta que foi aprobada por todos os grupos da corporación.
"O outro día houbo un atropelo tamén aí abaixo, a 50 metros". "Pasan a moita velocidade nunha rúa pola que andan moitos maiores e menores tamén". "Houbo moitos accidentes aquí. Teñen que tomar medidas. Eu teño medo a cruzar", comentan varios veciños.
A densidade do tráfico que ten esta rúa, especialmente polas mañás, e a escasa visibilidade con coches aparcados onde non deben, son, segundo os veciños, os problemas principais.
A estrada é titularidade da Xunta, pero o Concello acordou solicitar a cesión do treito urbano.