A Xunta busca consenso para o plan estratéxico, que a oposición ve caducado
O conselleiro de Facenda trasladou a "máxima disposición do Goberno por achegar posturas e enriquecer" o texto
A oposición pídelle á Xunta que adapte o plan á nova realidade cun esceneraio inflacionista
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, mostrou a vontade de consenso do Goberno galego sobre o Plan Estratéxico para o período 2022-2030: "Non é só unha intención, é unha convicción", aseverou.
Con todo, o BNG, que presentou 36 propostas de resolución, avanzou o seu voto en contra dun plan que ve "cos pés de barro" ao entender que "non fai un diagnóstico realista". O PSdeG fixo 182 propostas e o PP, tres. Agora ábrese un prazo ata as 18,30 horas deste martes para transaccións, e o mércores a Cámara celebrará un novo debate e a votación do plan estratéxico.
No seu discurso, o conselleiro reivindicou que o plan estratéxico é un documento "que aspira a ser a folla de ruta" do Executivo autonómico pero "non é un texto de Goberno", xa que recibiu "as achegas da sociedade civil" e agora "ten que ser ampliado polas dos diferentes grupos". Por iso trasladou a "máxima disposición do Goberno por achegar posturas e enriquecer" o texto.
Para o período 2022-2030, fixou, de feito, os "retos" da pospandemia, a alza xeral de prezos e a crise enerxética. "Temos que prepararnos e buscamos superar o impacto e conseguir unha recuperación sustentable e inclusiva", destacou. Entre outras cuestións, tamén se referiu ao reto demográfico e á consecución dunha "sociedade innovadora, dixital, moderna pero tamén solidaria e cohesionada".
O plan contempla cinco eixos: o do ámbito demográfico, un baixo o título 'Galicia verde sustentable', outro sobre competitividade e crecemento, o penúltimo acerca de cohesión social e territorial e un último de gobernanza.
Na súa quenda, a deputada do PSdeG Begoña González Rumbo lamentou que a Xunta "puido dedicar estes sete meses a adaptar o plan estratéxico á realidade que se está vivindo", tendo en conta que a situación económica é "moi diferente" da que había cando se elaborou. É por iso que o ve "caducado, reseso" e falto de "vixencia".
Mentres, o parlamentario do BNG Daniel Pérez incidiu en que este plan "non é oportuno desde un punto de vista político e constitúe un engano" para a poboación, en opinión do seu grupo. "Retíreno, aínda están a tempo", pediu.
Fronte a isto, na súa intervención, o popular Pedro Puy defendeu que o plan "ten os pés no chan e a cabeza nos temas" que afectan os galegos, e tramítase polo sistema "máis participativo" no Parlamento.