Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aumentan a 25 os mortos e a 50 os feridos nun ataque a un convoi humanitario en Zaporijia

Aumentan a 25 os mortos e a 50 os feridos nun ataque a un convoi humanitario en Zaporijia

Ao lugar do ataque acudiron xa equipos de rescate, médicos e os servizos necesarios

G24.gal 30/09/2022 09:44 Última actualización 30/09/2022 12:20

A cifra de mortos no ataque con mísiles rusos hoxe contra un convoi humanitario en Zaporijia, no sur de Ucraína, aumentou a 25, informou a Fiscalía xeral ucraína, mentres outras fontes falan xa de 62 hospitalizados.

Nunha mensaxe en Telegram, recollido pola axencia Unian, a Fiscalía sinala que o ataque con mísiles rexistrouse cara ás 7:30 da mañá, hora local, e que polo momento se ten coñecemento de 25 mortos e arredor de 50 feridos, entre os que hai nenos.

A cadea Suspilne cita a xefa de comunicación do departamento principal da policía nacional na rexión de Zaporijia, Anna Tkachenko, segundo a cal a cifra de hospitalizados ascende xa a 62. Segundo a portavoz, "na zona do ataque atopábase un convoi de civís que tentaba cruzar o posto de control e entrar no territorio ocupado", dixo.

O segundo da Oficina Presidencial ucraína, Kyrylo Timoshenko, precisou que as tropas rusas lanzaron un total de 16 mísiles S-300 no ataque en Zaporiyia. "Os rusos seguen destruíndo aos ucraínos e a nosa terra de Zaporijia. Continúan co terror. Seguen os asasinatos.

Segundo datos preliminares, disparáronse 16 mísiles utilizando o sistema de defensa aérea S-300. 23 mortos e 28 feridos. Inhumanos", escribiu nunha mensaxe en Telegram, que recolle a axencia Ukrinform, en base aínda ás primeiras cifras difundidas.

Agregou que as tropas rusas lanzaron catro ataques con mísiles na zona do mercado de automóbiles, así como no punto de concentración de vehículos e cidadáns para a saída e a entrada a territorio temporalmente ocupado de Ucraína. Precisou que alí se atopaba unha columna de automóbiles con civís que se dirixían ao territorio temporalmente ocupado para recoller aos seus familiares.

O xefe da administración militar de Zaporiya, Oleksandr Staruj xa informara do ataque contra o convoi humanitario, que se dirixía aos territorios temporalmente ocupados, e da existencia de vítimas mortais. "O inimigo bombardeou con mísiles un convoi humanitario civil á saída do centro rexional. A xente facía cola para saír cara ao territorio temporalmente ocupado para recoller os seus familiares, para levar axuda. Hai mortos e feridos", escribiu. Agregou que ao lugar do ataque acudiron xa equipos de rescate, médicos e os servizos necesarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade