Polo menos dous mortos por disparos dun suposto terrorista no centro de Bruxelas
Un home armado cun abriu fogo e fuxiu, segundo confirmaron fontes policiais
O número de feridos aínda está sen confirmar

Polo menos dúas persoas morreron este luns por disparos dun home que abriu fogo a última hora desta tarde en Bruxelas e fuxiu, segundo confirmaron fontes policiais, que sinalaron tamén a existencia dun número aínda non precisado de feridos.
O suceso rexistrouse no Bulevar d'Ypres cando un home vestido cunha chaqueta fluorescente de cor laranxa baixou dunha moto e disparou unha "arma de guerra", segundo o xornal Sudinfo. A información do tiroteo foi confirmada pola policía e o voceiro dos bombeiros de Bruxelas, Walter Derieuw, quen indicou que a "avaliación non é moi precisa neste momento" sobre as circunstancias en que se desenvolveron os feitos.
Nun vídeo gravado por unha testemuña, que circula en redes e que reproduce o xornal deportivo DH, vese ao home chegar só nunha moto de pouca cilindrada, a tira ao chan e comeza a disparar rapidamente a persoas na rúa.

O atacante, que leva un casco branco, persegue a varias persoas que tratan de refuxiarse nun edificio acristalado ás que dispara. O home disparou tamén a dúas persoas que estaban nun taxi e despois deuse á fuga na moto, segundo algúns medios.
Os falecidos son de nacionalidade sueca, hoxe celebrábase en Bruxelas un partido entre as seleccións nacionais belga e sueca. As primeiras informacións falan tamén de máis cidadáns feridos. A policía aínda busca ao autor do tiroteo.