Pontevedra, preparada para gozar co meirande evento de triatlón do ano
Este venres comeza a gran final das Series Mundiais onde se enfrontarán os mellores atletas de todo o planeta
Pontevedra está lista para a gran final das series mundiais de tríatlon que comezan este venres. O xoves xa puidemos ver o grande ambiente festivo e deportivo que se vive na cidade do Lérez. Houbo reunión de todos os atletas participantes na Praza da Ferrería, desde onde partiu o desfile inaugural que percorreu as rúas de Pontevedra.
Este é o punto de saída para un evento deportivo que acolle máis de 2.500 deportistas de sesenta países. A delegación galega está preparada, con Susana Rodríguez Gacio, Antonio Serrat ou Sara Guerrero como principais representantes.
Na categoría masculina absoluta estará o británico Alex Yee, número un do ránking mundial, pero coa dura competencia de Hayden Wilde, Kristian Blummenfelt ou Pierre Le Corre.
Na feminina o duelo é claro: Cassendra Beugrant, líder do ránking das series mundiais, e Beth Potter, número un mundial, estarán pelexando pola supremacía na especialidade.