Prado acaba de segundo en Lommel e rabúñalle doce puntos a Gajser
O piloto lucense gañou a cualificación e rematou no segundo posto nas dúas carreiras
Herlings logra a vitoria e métese de cheo na pelexa polo Mundial
A primeira carreira do GP de Lommel acabou co triunfo de Herlings. Prado dominou desde a saída e manexou vantaxes de ata 15 segundos sobre Herlings, pero algún problema tivo o lucense que provocou que nun abrir e pechar de ollos perdera toda a marxe e acabara na segunda posición por detrás de neerlandés. Aínda así, Prado conseguiu recortar seis puntos con Tim Gajser, que comezou de sétimo e só puido recuperar ata a quinta praza.
Na segunda carreira o piloto lucense volveu marcar o holeshot e estivo á fronte durante un cuarto de hora. Volveu ser superado por un imparable Herlings que continúa coa súa remonta á procura do título. Gajser comezou de sexto, remontou ata o terceiro posto pero acabou sendo superado por Febvre.

Na clasificación Tim Gajser ten 705 puntos polos 681 de Prado e os 667 de Herlings. Nesta fin de semana Prado recuperou doce puntos e Herlings dezasete. Aínda queda moito Mundial e os tres manteñen todas as posibilidades de levar o campionato.
