Prata para María Pérez nos 20 quilómetros marcha
A vixente campioa do mundo cumpre coas expectativas e finaliza a proba en segundo lugar

María Pérez chegaba a París con gañas de resarcirse. A atleta granadina tivo que conformarse co diploma olímpico en Tokyo, logo de finalizar a proba en cuarta posición, pero esta vez a situación foi distinta e conseguiu sumar o seu primeiro metal nas Olimpíadas. Unha prata que se converte na terceira medalla para a delegación española.
A corredora española, vixente campioa do mundo nos 20 quilómetros marcha, iniciou a proba a bo ritmo. Pérez conseguía un oco na cabeza de carreira, mais a atleta chinesa Jiayu Yang conseguía escapar do resto de competidoras e marchaba líder en solitario no quilómetro 7. Pasada a metade da proba, foi a quenda da española, que atacou no quilómetro 14 deixando atrás ás súas perseguidoras.
Pese a recortarlle tempo a Yang, María Pérez non logrou superala. Foi entón cando tivo que mirar cara atrás para ver como a australiana Jemina Montag se ía achegando. A atleta española defendeu a súa posición mantendo o ritmo e conseguiu entrar na meta como o segundo mellor tempo.
Pérez logra a primeira prata de España en París e segunda medalla no día de hoxe tras o bronce de Álvaro Martín, tamén en marcha.