Prenden un home na Coruña por agredir un policía local tras unha lea na zona do Orzán
A lea foi entre clientes dun after conflitivo
Un dos implicados foi detido por atentado a un axente da autoridade
A lea comezou na rúa Orzán, presuntamente, entre clientes dun local que os residentes da zona cualifican como conflitivo. Varios mozos enfrontáronse uns aos outros e, cando chegou a policía, separounos e marcharon do lugar. Porén intres despois volveron protagonizar outro altercado a uns 200 metros de distancia.
"Baixaron aí pola rúa varios petándose, e despois viñeron varias patrullas. Montouse unha boa, mozos e mozas berrando...". "Había moita policía. Eu abrín a ventá e había un mozo tombado na rúa, dando patadas. Tiveron que reducilo entre seis policías e, aínda así, custoulles. E dentro do coche seguía dando patadas", comentan varias testemuñas.
A policía prendeuno por atentado a un axente da autoridade. Os veciños din estar fartos de presenciar episodios violentos case todas as fins de semana. E moitos aseguran vivir con inseguridade e medo.
"Continuos". "Hai demasiado alcol, demasiadas drogas...", din os veciños. "Hai unha sensación de inseguridade, pero tamén de impunidade, que é o peor de todo", engaden.
Os residentes na zona botan en falta máis presenza policial.