Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión provisional para os dous detidos por estafa nunha axencia de viaxes da Coruña

Prisión provisional para os dous detidos por estafa nunha axencia de viaxes da Coruña

A Policía está agora revisando os equipos informáticos e os materiais intervidos para determinar o modus operandi

A Asociación Galega de Axencias de Viaxes insta a todos os afectados a denunciar

G24.gal 19/12/2024 21:37 Última actualización 19/12/2024 22:34

O maxistrado do Xulgado de Instrución número 5 da Coruña, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional do dono da axencia de viaxes A&M Circuítos e da súa parella, detidos despois de que un centenar de persoas presentase denuncia por estafa na venda de billetes de avión. Son investigados por un delito de estafa.

Ambos pasaron este xoves a disposición xudicial. A parella foi detida con posterioridade por ser a titular do CIF da axencia denunciada.

Os arrestos producíronse tras as denuncias de afectados e os rexistros na axencia, situada na zona da avenida de Finisterre, na cidade herculina.

A Policía está agora revisando os equipos informáticos e os materiais intervidos para determinar o 'modus operandi', segundo informou a Subdelegación do Goberno na Coruña.

Os afectados, arredor dun cento, son persoas que emigraron a España e que pretendían viaxar nestas datas aos seus respectivos países.

Cando ían voar atopáronse con que as súas pasaxes non foran emitidos aínda que eles si depositaran o diñeiro na axencia.

Con todo, desde a Asociación Galega de Axencias de Viaxes precisaron que no caso de axencias pequenas se encargan as almacenistas da emisión a condición de que no prazo de 24 ou 48 horas se lles entregue o diñeiro. Por iso, instaron os afectados e afectadas a denunciar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade