Queixas dos praceiros de Lugo polas obras de peonalización do centro da cidade
Sinalan que os traballos están a provocar un descenso da clientela e das vendas
As obras de peonalización do centro de Lugo están a afectar ás vendas na praza de abastos e no mercado municipal, segundo sinalan os praceiros. Cren que parte da clientela deixou de ir debido a que se lle complicou o acceso, especialmente en transporte privado.
Rafa Díaz, carniceiro: "Influíu moitísimo. A xente só ten un acceso ao mercado, pola rúa do teatro, e a metade desa rúa está en obras".
Marisa López, empregada dunha peixería: "Hai moita xente que non vén porque non sabe como chegar. Non sabe por onde ten que acceder, e aféctanos moitísimo".
Os praceiros sinalan que nos últimos anos pecharon unha decena de negocios. De feito, agora mesmo hai 26 locais libres, quince na praza e nove no mercado.
Co fin de revitalizar a praza de abastos, os comerciantes demandan a implantación de medidas encamiñadas a gañar clientes. Comezando por facilitar o acceso a este recinto situado en pleno centro da cidade.
Marisa López, empregada dunha peixeiría: "Que axilicen as obras. Iso é o máis importante. Aquí non podemos facer máis nada. Ter bo produto, coma o que temos, e nada máis".
Mari Carmen Gómez Cruz, carniceira: "A nosa idea é que se amplíe o horario de carga e descarga. Se non lles dás aos clientes o servizo que eles queren, como levarlles a compra cando están na casa, van a outro sitio onde llo poidan dar, como é un supermercado".
Fina Seijas, queixeira: "Eu penso que isto ten que funcionar. Sempre crin que tiña que funcionar, como foi toda a vida. Como non vai funcionar?".
Dende o Concello sinalan que a convocatoria de concesións continúa aberta, tanto no mercado como na praza, polo que animan os emprendedores a acceder aos postos vacantes.