Rebaixa do IVE do gas: un aforro mensual de entre 9 e 19 euros
Sánchez destaca a mellor situación de España para afrontar a crise enerxética
Feijóo di que o Goberno non ten un plan para a redución do consumo de enerxía
A rebaixa do IVE do gas ao 5 % anunciada polo Goberno permitirá aos fogares aforrar de dez a vinte euros ao mes. En concreto, a OCU (Organización de Consumidores e Usuarios) cifra nuns 19 euros ese aforro, uns 220 euros ao ano. Facua, pola súa parte, rebaixa esa cantidade, e explica que para un consumo duns 800 kWh ao mes, a factura pasaría duns 67,76 euros aos 58,80 a partir de outubro.
O Partido Popular defende a medida pero di que chega tarde. Tamén para Unidas Podemos é unha boa medida, pero os morados piden un incremento dos impostos que compense esa rebaixa cunha suba da fiscalidade a vehículos especialmente contaminantes.
O presidente do Goberno defende a súa xestión en política enerxética, salienta a importancia da excepción ibérica para conter a alza da factura e descarta restricións de subministración de gas en España. "Non prevemos ese escenario. Temos unha situación relativa, en relación a outros países, moito máis folgada", dixo Sánchez.
Con esta rebaixa do IVE do gas, o Goberno emula a estratexia do goberno alemán.
O PP asegura que a medida xa a propuxeran eles e que chega cinco meses tarde. Alberto Núñez Feijóo di que o Goberno non ten un plan para a redución do consumo de enerxía. "Se queren facer vostedes realmente un pacto para aforrar, sentemos, sente cos sectores e por favor non improvisen. E eu creo que a broma da garavata, creo que é de mal gusto", dicía o líder do PP esta noite pasada nunha entrevista en Onda Cero.
Desde Unidas Podemos admiten que non sabían nada da medida que anunciou Sánchez. Con todo vena positiva, pero engaden que "para non socavar o estado do benestar debe ir acompañada de subas de impostos a vehículos de luxo, avións privados, ou embarcacións de recreo", dicía o voceiro da formación Pablo Echenique.
Os socios minoritarios do Goberno reuníronse coa vicepresidenta Ribera para falar do plan de continxencia que se aprobará este mes. Unidas Podemos propón poñer en marcha unha factura da luz doméstica progresiva e adaptada a cada consumo.