Rescatan dous bateeiros que caeron ao mar en Sanxenxo tras envorcar a o seu bote

Dous bateeiros da Illa de Arousa tiveron que ser auxiliados polos servizos de emerxencia despois de que a embarcación na que navegaban acabara envorcada en Paxariñas, en Sanxenxo.
Un dos tripulantes do barco puido chegar a nado ata a costa, pero o outro tivo que ser rescatado dun dos cons que emerxen da auga na zona.
Ata alí desprazouse unha embarcación do servizo municipal de emerxencias de Sanxenxo, que non tivo un rescate fácil debido á cantidade de pedras que hai nese punto da costa. Os dous bateeiros, que se encontraban en Sanxenxo para buscar mexilla, atópanse en bo estado e non necesitaron asistencia médica.
Neste rescate, colaboraron ademais axentes da unidade marítima da Garda Civil e efectivos da Policía Local de Sanxenxo.
Os traballos na zona céntranse agora na retirada da embarcación envorcada.