Publicador de contidos

Publicador de contidos

Remuda en Inditex: Marta Ortega toma posesión este venres como presidenta non executiva

Remuda en Inditex: Marta Ortega toma posesión este venres como presidenta non executiva

Estará acompañada polo conselleiro delegado Óscar García Maceiras

Remata así a etapa de Pablo Isla, tras 17 anos na compañía

G24.gal 31/03/2022 08:20

Marta Ortega, filla menor do fundador de Inditex, Amancio Ortega, colle o temón da empresa  este venres cunha aposta por manter o modelo de negocio con máis de 6.000 tendas repartidas polo mundo e uns beneficios récord. 

Pecha así a etapa de Pablo Isla na presidencia, que se despedía hai dúas semanas presentando por última vez os resultados tras 17 anos na compañía, en que aumentou o seu valor na bolsa en 52.000 millóns. Isla declarou que a transición se produce no mellor momento xa que a compañía "ten moitísima solidez, unha estratexia ben definida, equipos fantásticos e unha combinación de xuventude e experiencia".

Inditex asegura así o relevo xeracional da compañía cunha muller que conducirá desde o primeiro de abril o futuro das oito marcas do grupo. O cambio no organigrama acordouse o pasado novembro tras os cambios de hábitos de consumo durante a pandemia e a reorganización da rede de tendas e persoal. 

A filla de Amancio Ortega, de 38 anos, emprende esta nova etapa como presidenta non executiva, acompañada polo conselleiro delegado Óscar García Maceiras, que leva no cargo dende novembro. A filla do empresario galego pasa a ser presidenta con cualificación xurídica de conselleira dominical mentres que as funcións executivas se trasladan a García Maceiras.

A nova presidenta terá baixo a súa responsabilidade directa as áreas de Auditoría interna, Secretaría Xeral e do Consello e Comunicación.

Marta Ortega entra a formar parte dos consellos de administración e como vogal de dúas sociedades que forman Pontegadea, Pontegadea Inversiones e Pontegadea GB 2020, o brazo investidor de Amancio Ortega.

Canto ao seu soldo, o Consello de Administración de Inditex proporalle á Xunta Xeral de Accionistas que cobre 900.000 euros anuais polo seu desempeño máis outros cen mil euros como conselleira. A nova presidenta leva 15 anos traballando no grupo.

Este venres complétase pois un proceso sucesorio que leva anos deseñándose. Entre os retos inminentes para Marta Ortega está a crise derivada da guerra, coas tendas pechadas en Ucraína e Rusia, a aposta por seguir reforzando o mercado estadounidense e un crecemento selectivo do espazo comercial, con tendas moi diferenciadas, totalmente dixitais e sostibles.

Porén, terá que afrontar ademais os problemas derivados na cadea loxística, a alza imparable das materias primas, a escalada do IPC e o seu impacto no consumo e nos prezos.

A multinacional galega, nada en 1963 na Coruña, está actualmente presente en case un cento de países. Un dos seus inmediatos retos será asegurar o seu papel de primeiro grupo téxtil no mundo ante a irrupción de competidores como A China.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade