Renacen as opcións de Samertolameu logo de recuperar cinco puntos nunha xornada
Acabou de sétima na regata do domingo e aproveitou o grave erro de Santurtzi para volver a soñar coa salvación
Ares domina con man de ferro a Liga Galega

Todo parecía perdido para Samertolameu despois da regata en Getxo. A 12 puntos da salvación, unha marxe case insalvable agás unha milagre. E esa milagre chegou na xornada do domingo.
En Santurtzi o equipo local afundiu (nunca mellor dito), perdeu o piqueiro na primeira ceavoga (caeu ao mar) e acabou sufrindo na última praza. Samertolameu aproveitou a circunstancia e saiu a por todas. Chegou preto de Lekeitio e acabou asinando unha máis que meritoria sétima praza coa que recuperou 5 dos 12 puntos que tiña perdidos.
Xornada de domingo na @actraineras
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) July 30, 2023
👍 Propicia para Samertolameu. Acabou 7ª e aproveitou do 12º posto de Santurtzi que quedou sen piqueiro nunha ceavoga
📊 Estaba a 12 puntos de evitar o descenso directo e agora ponse a 7 pic.twitter.com/PzF5Qk0vru
Cabo quedou na oitava mantendo a súa liña de regularidade. Impúxose a Ondarroa nun grande esprinte final e a piques estivo de superar a Orio. Á fronte da liga mantense Urdaibai, que aguantou a presión dun mal sorteo e, malia perder un punto con Hondarribia, salvou os mobles.
Liga Galega
Na Liga Galega gañou Ares sumando a cuarta vitoria consecutiva, sétima nas últimas oito regatas. Impúxose a Chapela e a Bueu con oito segundos de diferenza e consolidou a primeira posición á fronte da competición.
Con só catro probas puntuables por disputarse no mes de agosto e 12 puntos de vantaxe parece imposible que ninguén lle quite o primeiro posto aos aresáns.