Rescatado un mozo que caeu nunha zona rochosa cando pescaba no cabo Prioriño
Os bombeiros acudiron auxilialo porque non podía saír da zona polo seu propio pé
O mozo foi trasladado a un centro hospitalario por unha contusión na cadeira

Persoal do parque de bombeiros de Ferrol rescatou un mozo que quedara illado cando estaba a pescar na zona do cabo Prioriño, no municipio de Ferrol, segundo informou este luns a Axencia Galega de Emerxencias.
O mozo atopábase na zona a última hora da tarde de onte cando caeu nunha zona rochosa e tivo unha contusión na cadeira.
Foi un particular quen deu aviso do suceso ao 112 Galicia.
"Caeu sobre unhas rochas cando estaba a pescar, sen que fose quen de saír da zona pola súa conta", apuntan desde Emerxencias.
Tras o rescate, o mozo foi atendido no punto por parte de persoal sanitario e posteriormente trasladado a un centro hospitalario.