Rescatados os mariñeiros do pesqueiro Nueva Libertad, que embarrancou en Ribadeo
Os cinco tripulantes saíron ilesos
Salvamento Marítimo conseguiu reflotar o pesqueiro, que se atopa no porto de Burela
Os cinco tripulantes do pesqueiro Nueva Libertad foron rescatados esta madrugada ilesos despois de que a embarcación embarrancase preto de Rinlo, ao leste de Punta Corveira, en Ribadeo (Lugo). As adversas condicións meteorolóxicas, con vento forte, empurraron o barco cara á costa e, ao coincidir coa baixamar, quedou embarrancado fronte ao litoral de Rinlo.
Fontes do 112 Galicia precisaron que Salvamento Marítimo comunicou o incidente a escasos minutos da unha da madrugada deste mércores.

As embarcacións de Salvamento Marítimo Salvamar Alioth e LS Saturno conseguiron, coa preamar, reflotar o pesqueiro, que quedara atrapado e escorado a apenas cen metros da cetaria de Rinlo. O barco puido continuar a navegación ata o porto de Burela porque non tiña vía de auga.
El Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra coordina esta madrugada el rescate de los 5 tripulantes de un pesquero varado en Rinlo
— SALVAMENTO MARÍTIMO (@salvamentogob) January 17, 2024
La Salvamar Alioth y la LS Saturno consiguen reflotar al pesquero, que navegó por sus propios medios hasta Burela ya que no tenía vía de agua pic.twitter.com/YnerQAEeGQ
Para rescatar os tripulantes mobilizouse o helicóptero Pesca 2 do Servizo de Garda Costas de Galicia, con base en Celeiro (Viveiro), onde foron trasladados os mariñeiros. O 112 Galicia puxo en alerta á Garda Civil, a Protección Civil e ao 061 Urxencias Sanitarias de Galicia, pero todos eles foron rescatados en bo estado, de modo que ningún precisou asistencia sanitaria.
Tanto é así que poucas horas despois do accidente xa estaban todos en faena no porto de Burela, comprobando posibles danos. Basilio Otero, patrón maior de Burela, di que o importante é que todos están ben e que o barco xa está en repararación. Trátase dun volanteiro con 20 anos de antigüidade e base en Burela. A tripulación do Nuevo Libertad, formada polo patrón e catro tripulantes, pensa agora en pasar páxina e prepárase xa para retomar a marea.
O Nueva Libertad xa quedara embarrancado o 23 de marzo de 2011 nunha zona pouco profunda das illas Cíes. Entón foron rescatados ilesos os oito mariñeiros que se atopaban a bordo.
Tras ser desencallado o barco, foi remolcado á dársena de Bouzas, en Vigo. Un amplo operativo de Salvamento mobilizouse na madrugada desa xornada para o rescate. Dáse a circunstancia de que o armador do pesqueiro foi o único sobrevivente do naufraxio do Siempre Casina, afundido ao norte de Ribadeo en 2005.