Rexistrados 25 mortos no sueste de Brasil pola forte chuvia
O Río de Xaneiro e Espírito Santo continuaban este domingo en "estado de alerta"

Cando menos 25 persoas faleceron pola intensa chuvia que está a castigar o sueste de Brasil, onde fontes oficiais confirmaron outros trece decesos no estado de Espírito Santo. A causa das mortes foron por esvaramentos de terras que arrastraron vivendas situadas en zonas de alto risco.
As tempestades desatáronse ao longo da noite do pasado venres e afectaron diversas zonas do sueste do país, aínda que mantiveron unha especial incidencia na rexión situada a uns 100 quilómetros da cidade do Río de Xaneiro.
A pesar de que a chuvia xa cesou, O Río de Xaneiro e Espírito Santo continuaban este domingo en estado de alerta e as autoridades mantiñan acuartelados os membros do corpo de Bombeiros e Defensa Civil.
O servizo meteorolóxico alertou de que os temporais podían estenderse a outras zonas do sueste de Brasil, como aos estados de São Paulo e Minas Gerais, pero, aínda que choveu nesas rexións, a intensidade non foi a que estaba prevista e non se rexistraron vítimas nin danos materiais.