Ridículo do Rácing en Santander (6-0)
O equipo ferrolán fixo o peor partido da temporada e recibiu unha goleada escandalosa
Peor imposible. O Rácing de Ferrol perdeu por 6-0 no campo do Sardinero contra o outro Rácing rozando o ridículo. As consecuencias deste partido son imprevisibles porque son oito puntos xa os que ten de distancia cos postos de permanencia e a situación comeza a ser dramática.
Ao cuarto de hora Naldo cometeu un penalti que marcou Andrés Martín. Foi o primeiro dos despropósitos. Antes do descanso Arana e Sangalli poñían o 3-0 e deixaban o partido resolto para os locais.
Non houbo reacción despois do descanso. O Rácing foi un equipo cos brazos abaixo. Pablo Rodríguez (2) e Karrikaburu marcaron case por inercia e os últimos vinte minutos sobraron.
A única ocasión de todo o partido para o Rácing chegou no tempo engadido, un remate de cabeza de Raúl Blanco que marchou desviado. A vindeira semana toca gañar de calquera xeito contra o Burgos, o equipo que marca a fronteira da permanencia.