Rueda avanza que haberá axudas "inmediatas" para as persoas afectadas polos incendios
"A prioridade absoluta" segue sendo "protexer as persoas" e os bens ante os incendios forestais, explica o presidente

O presidente da Xunta Alfonso Rueda avanzou este martes axudas por parte da Xunta durante unha visita realizada polo presidente do Goberno Pedro Sánchez a Ourense, aínda que "a prioridade absoluta" segue sendo "protexer as persoas" e os bens ante os incendios forestais, despois de momentos "moi complicados" vividos nos últimos días.
Na súa comparecencia de prensa, referiuse á evolución dos incendios.
Explicou: "Nestes momentos, nas dúas zonas que estaban máis complicadas, A Pobra e Folgoso do Courel, parece que a situación evoluciona máis favorablemente; aquí estamos a ver que volve complicarse e iso indica que en ningún momento podemos baixar a garda". Rueda destacou o traballo realizado polos servizos de extinción, que situou como o mellor operativo que hai en España contra incendios.
Dentro das materias pendentes, detallou varios problemas: "O primeiro e fundamental, que hai que facer limpeza e hai que facela ademais nos momentos oportunos, á parte doutros cambios máis estruturais, como son a lei de recuperación de terras agrarias, que temos en marcha e que queremos que sirva para cambiar moitas cousas, non só respecto aos incendios senón tamén de utilización da terra que ten moitas posibilidades".
O terceiro punto que sinalou é: "Cando pase o fundamental, que é apagar os incendios, avaliar os danos".
O xoves sairán as medidas
A este respecto, comprometeuse a "aprobar as primeiras axudas no Consello da Xunta de pasadomañá" para axudar á xente que perdeu a súa vivenda.
Para Rueda, é "fundamental" que a cidadanía perciba que as administracións se coordinan "nos momentos en que é imprescindible" en temas como a prevención e extinción de incendios forestais para salvagardar vivendas e preservar a riqueza ambiental.
Quince vivendas calcinadas en Carballeda
Pola súa banda, o alcalde do Barco Alfredo García destacou desde "a zona cero" do incendio que se iniciou o pasado xoves en Carballeda de Valdeorras, a destrución de "quince vivendas habitables" que se utilizaban como segundas residencias.
Tras asegurar que os incendios son unha das cousas máis duras como alcalde, defendeu a necesidade de "cambiar a mentalidade dos propietarios".
"Os terreos non poden estar improdutivos, teñen que producir, porque xeran postos de traballo e dan a tranquilidade de que aínda que arda o monte as súas casas estarán a salvo", dixo o rexedor socialista, quen manifestou que aínda queda "un traballo moi longo" neste sentido.
O presidente do Goberno Pedro Sánchez reafirmouse na necesidade de impulsar políticas ambientais ante a situación de "emerxencia climática" para previr futuras "ondas de calor" á vez que pediu prudencia tras advertir de que "aínda quedan días difíciles en Galicia e no resto de España" ante a previsión de que continúen as altas temperaturas.
Nunha comparecencia de prensa chamou á prudencia ante a previsión de que continúen as altas temperaturas.
"Quedan días difíciles en Galicia e no resto de España, as previsións indican que vai haber unha repunta nas temperaturas, por iso pedimos a máxima das precaucións".