Rueda destaca os campamentos da Xunta como recurso de conciliación
Case once mil rapaces participan este verán nos campamentos que organiza a Xunta
Case once mil rapaces participan este verán nos campamentos que organiza a Xunta e que este ano levan o lema "O verán que queres contar". O xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, visitou este luns o que acolle o albergue xuvenil de Gandarío, en Bergondo.
O de Gandarío ofrece cen prazas para nenos de entre 9 e 11 anos que van por quendas de dez días. Os cativos fan todo tipo de actividades, dende xogos tradicionais ata tirolesa e escalada. O presidente da Xunta dixo que estes campamentos son unha oportunidade para que os rapaces fagan amigos e para que as familias poidan conciliar.
"Galicia é a comunidade que máis prazas ofrece en toda España: dous mil máis que o ano pasado. Creo que este é o camiño que temos que seguir facendo. En setembro empeza o curso escolar coa educación gratuíta ao 100 %, que tamén é un recurso importante de conciliación. Creo que todas estas medidas serven para que os rapaces poidan ter uns días inesquecibles e tamén para botarlles unha man ás familias", dixo Rueda.