Rueda ve un reto poñer fin ao "sanchismo" e Pontón acúsao de ser o "delegado" de Feijóo
Rueda acusa a PSdeG e BNG de "ter ganas" de que Vox teña presenza institucional en Galicia e mesmo de "necesitalo" no caso dos nacionalistas
Ao ser preguntado polos retos que a comunidade galega ten por diante o presidente da Xunta situou como "o principal", porque está "moi próximo, dentro de dúas semanas", "acabar co sanchismo, por fin, en Galicia", e ao tempo instou o BNG a aclarar que vai facer se os galegos "confían máis en Feijóo que na súa marabilla de grupo propio".
Na véspera do inicio da campaña para as eleccións xerais, a sesión de control ao Goberno no Parlamento galego converteuse nunha arrincada tamén para esta carreira cara ás urnas por parte dos partidos galegos, cunha oposición que reprochou a Rueda a situación de Galicia e os pactos no resto de España do PP con Vox.
Rueda, pola súa banda, acusou a PSdeG e BNG de "ter ganas" de que Vox teña presenza institucional en Galicia e mesmo de "necesitalo", no caso dos nacionalistas galegos, para a súa estratexia.
Para Ana Pontón, o actual Goberno autonómico é "o peor da historia de Galicia", porque é incapaz de resolver os problemas dos galegos e está a facer que a comunidade autónoma "quede atrás" por mor da súa "submisión" á dirección do PP nacional.
Engadiu que "se hai algo peor que un PP submiso a Madrid é un submiso a Madrid e que pacta con esa extrema dereita, machista, racista e profundamente antigalega", en alusión a Vox.
A voceira nacional do BNG criticou que a Xunta e o PP galego primeiro utilizaron a Galicia para "recolocar o candidato Fejóo" no Senado e agora actúan directamente como o seu "gabinete electoral", mentres que o líder do PP, senador por designación autonómica, nin sequera explicou no Parlamento "un incremento de patrimonio de 800.000 euros en tres anos".
No PSdeG, o portavoz parlamentario Luís Álvarez considerou que máis aló de que Vox non ten representación no Parlamento galego, os populares "están a amparar" os pactos que fixo o partido fóra da comunidade autónoma e "queren unha España en retroceso e unha Galicia en retroceso".
Así que lle dixo a Rueda que "oxalá fose como Sánchez" porque "mellor lle iría a Galicia", despois de que o presidente da Xunta acusase o Goberno central de paralizar a comunidade galega porque cre que "así paraliza algunha expectativa electoral do futuro presidente do Goberno".