Sánchez acusa o PP de defender os intereses das enerxéticas
O presidente di que o Goberno protexe a clase media traballadora
Pedro Sánchez defende as medidas do seu Goberno para repartir de forma xusta os custos de crise económica e acusa o PP de defender os intereses particulares das enerxéticas. Nunha entrevista na televisión pública, o presidente mostrouse confiado en convencer a Francia de aumentar as conexións gasistas e asegurou que o gas de Alxeria está garantido.
Di Pedro Sánchez que Bruxelas está asumindo agora medidas en materia enerxética que leva tempo propoñendo España, asegura que nestes momentos non hai país máis crible na Unión Europea que o español e que o obxectivo do Goberno é a clase media traballadora.
Sánchez pídelles aos empresarios que arrimen o ombreiro. O presidente di que van estudar a proposta do Partido Popular, ao que acusa de aliñarse cos poderes económicos.
Ante o panorama de incerteza e a crise enerxética derivados da guerra, Sánchez mostrouse confiado tanto en ter gas alxeriano este inverno coma en incrementar as conexións gasistas con Francia.
O presidente do Goberno asegura que o 10 % do gas que se consome hoxe en Europa procede de España.