Sanidade asina cos internistas un acordo de contratos longos con mobilidade temporal
Asegurou que, a máis contratos, menos tempo de colaboración nos centros

A Consellería de Sanidade anunciou este xoves un acordo cos xefes de servizo de Medicina Interna e as xerencias das áreas sanitarias para poñer en funcionamento contratos de longa duración que inclúan o desprazamento temporal a outros hospitais que requiran de profesionais desta especialidade, especificamente hospitais comarcais. Tamén asegurou que, a máis contratos, menos tempo de colaboración nesoutros centros.
Así o trasladou nun comunicado o departamento que dirixe Julio García Comesaña, e así o remarcou o propio conselleiro, en declaracións aos medios en Vigo, após a reunión celebrada con estes profesionais na sede do Sergas en Santiago.
García Comesaña, que destacou o ton "cordial" do encontro, sinalou que, sobre a mesa, puxéronse dúas alternativas para paliar o déficit destes profesionais sanitarios: ou ben adiantar a resolución da OPE e do concurso de traslados (o que serviría para que os médicos que pedisen praza nos centros comarcais puidesen incorporarse antes), ou ben contratar persoal cunha cláusula que inclúe o desprazamento e prestación temporal de servizo naqueles hospitais galegos onde fosen necesarios.
O conselleiro sinalou que neste encontro, "quedou claro que non se produciu ningún maltrato" por parte do Sergas cara a estes profesionais; que, de feito, "recoñeceuse" o seu labor en toda a atención hospitalaria e, concretamente, durante a pandemia; e que tiveron reforzos no servizo. Todo iso despois de que xefes de servizo e organizacións profesionais tachasen o contrato ofrecido de "leonino", e reclamasen maior estabilidade e mellores condicións para estes especialistas.
Sobre o contido da reunión, García Comesaña sinalou que os xefes de servizo rexeitaron o adianto da OPE e do concurso de traslados (que cubrirán "todas as vacantes") porque afectaría a planificación de vacacións e á organización do traballo nos próximos meses, e "pediron esperar a despois do verán". Así, a OPE estará "lista para executarse a principios de outubro".