Satisfacción no concello de Lugo por non ter que pagar 15 millóns de euros polo Garañón
O TSXG ratifica a sentenza que lle denegaba ao promotor das polémicas torres do Garañón a reclamación dunha indemnización ao Concello

O goberno local de Lugo expresou a súa satisfacción polo feito de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratificase a sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da capital lucense, que lle denegaba ao promotor das polémicas torres do Garañón a reclamación dunha indemnización ao Concello de 15,4 millóns de euros.
“A sentenza é unha decisión esperada, pero non por iso é menos satisfactoria”, recoñeceu a alcaldesa de Lugo Paula Alvarellos en declaracións aos medios de comunicación.
De feito, precisou que ao renunciar o promotor para seguir co preito, esa resolución do TSXG, que avala a decisión que no seu día tomou o Contencioso Administrativo de Lugo, dá por pechada a vía xudicial.
O Concello de Lugo “non terá que facer fronte a ningunha indemnización” pola derriba das torres do Garañón, “como esperabamos”, apostilou a alcaldesa.
Nese sentido, precisou que o goberno local de Lugo segue “coa súa folla de ruta” para realizar unha “modificación puntual do PXOM” e converter a parcela do Garañón nun espazo “verde” de “uso público”.