Seguen visibles en páxinas webs pornográficas os vídeos gravados na festa da Maruxaina
As afectadas teñen identificados oito responsables destes vídeos e reclamarán de novo a colaboración da Xustiza norteamericana

Catro anos despois, algúns dos vídeos das mulleres que foron gravadas sen o seu consentimento na festa da Maruxaina, no verán de 2019 en San Cibrao, seguen sendo visibles en webs de contido pornográfico. As vítimas, 80 mulleres que presentaron denuncia, lamentan a lentitude da instrución xudicial.
O último revés foi a negativa da xustiza dos Estados Unidos a facilitar as direccións IP das persoas que subiron estes vídeos ás redes. Algunhas das mulleres afectadas entraron nesas webs pornográficas de pago e comprobaron que os vídeos seguen alí.
Mulleres ouriñando
Nos vídeos poden verse imaxes de mulleres ouriñando durante a popular festa da Maruxaina. Atoparon tamén vídeos gravados ao parecer polas mesmas persoas en diferentes lugares de Galicia, Asturias e Navarra, con mulleres mantendo relacións sexuais que aparentemente están drogadas.
Din que teñen identificadas ata oito persoas como supostas responsables destes vídeos. Por iso van reclamar de novo a colaboración da xustiza norteamericana. Non perden a esperanza de que a investigación avance e, finalmente, logren dar cos responsables.