Segundo aniversario do accidente en que morreron sete persoas ao caer ao Lérez
No viaduto de Pedre, onde se precipitou o autobús, ducias de flores recordan as vítimas
O xuíz arquivou a causa contra o condutor, ao considerar que non houbo imprudencia
Fai dous anos da Noiteboa chuviosa en que un autobús caía ao río Lérez desde o viaduto de Pedre. Dos nove ocupantes, só sobreviviron dous, o condutor e unha pasaxeira. As flores na memoria das vítimas recordan unha traxedia que deixou pegada.
O pasado mes de xuño o xuíz arquivou a causa contra o chofer do bus ao considerar que non houbo imprudencia. Tanto o condutor como a muller que sobreviviu consideran que o bus non ía con exceso de velocidade. Cren que fixo aquaplanning nunha bolsa de auga pola chuvia e o estado da estrada.
O sinistro propiciou que tanto os concellos do pacto de Pedre como o Parlamento galego pediran ao Goberno unha reforma integral da Nacional 541. Onte mesmo un choque frontal de dous coches saldábase con dous feridos en Cernados, preto de onde se precipitou o bus.
A zona do viaduto si foi arranxada no último ano. Así e todo, resulta difícil esquecer o sucedido ao cruzar o Lérez neste punto da estrada que une Pontevedra e Ourense.