Arden máis de 300 hectáreas en catro incendios que seguen sen control en Galicia
Medio Rural dá por estabilizado o incendio declarado na parroquia de Pentes, na Gudiña, que calcinou 200 hectáreas; o de Barxas queimou 90 hectáreas
Os servizos de extinción conseguiron estabilizar o lume de Cerdedo-Cotobade, que afectou a 20 hectáreas, e traballan agora noutro foco en Chandrexa de Queixa
Os dous incendios que afectan o municipio ourensán da Gudiña xa chegan ás 290 hectáreas, segundo a última actualización da Consellería do Medio Rural.
En concreto, o lume de Pentes, que alcanza as 200 hectáreas, iniciouse ás 13:18 horas do pasado luns. Está estabilizado desde a medianoite do luns ao martes e na súa extinción traballan oito avións, dez helicópteros, once motobombas, quince axentes, vinte e catro brigadas, catro pas e tres técnicos.
O outro lume, na parroquia de Barxa, está activo desde pouco despois da medianoite deste martes e afecta a unha superficie provisional de 90 hectáreas. Traballan cinco avións, sete helicópteros, dez brigadas e cinco motobombas, entre outros. Tamén colaboran medios terrestres procedentes de Portugal.
Ademais, a Xunta informa de que quedou estabilizado o lume que calcinou unhas 20 hectáreas na parroquia de Agusantas, situada no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra). Mobilizáronse oito axentes, quince brigadas, dez motobombas, dúas pas, catro técnicos, cinco helicópteros e seis avións.
A esta hora permanece activo outro foco no concello ourensán de Chandrexa de Queixa. Leva queimadas algo máis de 20 hectáreas na parroquia de Requeixo.
A Consellería dá por extinguido o incendio declarado na parroquia de Trez, en Laza, que afectou a unha superficie de 68 hectáreas, e o de Mourentán, en Arbo, que queimou 22,7 hectáreas de monte arborado e raso.