Sete detidos no desartellamento dunha rede de prostitución en Ourense
Debían estar dispoñibles 24 horas ao día os sete días da semana e estaban vixiadas con cámaras
A operación policial permitiu liberar as 5 vítimas
A Policía Nacional desmantela unha rede criminal dedicada ao tráfico de seres humanos e explotación sexual de mulleres nun piso de citas en Ourense.
As mulleres eran captadas en Colombia e Venezuela a través de redes sociais, aproveitándose da súa situación de vulnerabilidade e necesidade económica.
Facilitábanlles a documentación necesaria, así como o xeito de proceder no aeroporto para non ser detectadas, e unha vez en España trasladarse a Ourense, onde as recibía o líder da organización.
Nese momento eran informadas de que tiñan unha débeda de 3.000 euros que debían saldar exercendo a prostitución.
Debían estar dispoñibles 24 horas ao día os sete días da semana, non tiñan liberdade para saír, sempre eran escoltadas por membros da organización e estaban constantemente controladas por cámaras de videovixilancia.
Hai sete persoas detidas, cinco en Ourense e dúas en Madrid e realizáronse dous rexistros domiciliarios en Ourense en que se comisaron máis de 18.000 euros en efectivo, substancias estupefacientes, dous teléfonos móbiles e diversa documentación.