Pablo Durán salva un punto para o Celta en Mendizorroza (1-1)
O tomiñés igualou na segunda parte o tanto inicial de Kike García
O Celta protestou moito a xogada do penalti que deu orixe ao gol do Alavés
O tomiñés Pablo Durán marcou o gol que lle permitiu ao Celta sumar un empate no campo do Alavés do Chacho Coudet (1-1). Durán, que marcou o terceiro tanto do campionato, anotou no 66 cun gran disparo desde fóra da área cando máis presionaba o conxunto vigués.
O partido comezou tinguido de polémica. Cun penalti asubiado por Hernández Maeso despois de revisar unhas mans de Beltrán na área. Ninguén no Celta podía crer a sinalización da pena máxima que transformou Kike García. O resto do primeiro tempo resultou soporífero, co Celta levando o peso do encontro pero sen incomodar a porta dun Owono que foi un espectador, o mesmo que Vicente Guaita.
Giráldez meteu a Swedberg e Javi Rodríguez no segundo tempo e a faciana do Celta foi moi distinta. Williot probouno nada máis comezar, o mesmo que Sergio Carreira. Eran os mellores minutos do Celta cando Pablo Durán agarrou un disparo que acabou na rede.
Co empate o Celta acougou, estivo sólido en defensa garantindo un punto fundamental e buscou algunha contra coa que gañar o partido. Do Alavés tampouco houbo novas en ataque demostrando a razón pola que está só un punto por riba do descenso.