Sospéitase da intencionalidade do incendio que calcinou 100 hectáreas en Rois
Comezou ás seis da tarde no lugar da Pereira e propagouse rapidamente pola acción do vento
Unhas 180 persoas participaron no dispositivo de extinción, que logrou estabilizalo ás cinco da madrugada
Cen hectáreas de monte arrasadas e varias horas de angustia para os veciños de Rois. É o saldo que deixa este incendio forestal, estabilizado desde as cinco da madrugada. A Garda Civil está a investigar o sucedido, pero todo apunta a que o foi intencionado.
"Os expertos terán que corroboralo, pero todo indica que houbo intencionalidade neste horrible incendio", di Ramón Tojo, o alcalde de Rois.
"Intencionado ten que ser, todos os anos prenden aí para que o vento do norte queime todo, no 2006 o lume arrasou todo e sempre se repite", explica unha veciña.
O incendio comezou pouco antes das seis da tarde de onte preto da estrada AC-301, na zona da Pereira, pero pronto se estendeu axudado polo vento. Ata a zona desprazouse un amplo dispositivo de extinción que evitou que o lume tivera peores consecuencias.
"Había unhas 180 persoas traballando, 25 motobombas, catro avións, helicópteros que traballaron antes do solpor, Garda Civil...", enumera o alcalde.
"O vento soprou e en pouco tempo ardeu todo. Sorte que viñeron moitos coches de bombeiros e os helicópteros, pero mirar o ceo e ver o lume nos muíños é unha pena", di unha veciña.
Malia que as lapas non chegaron ás casas, pasaron moi preto de lugares como Fufelo, O Faro e Silvarredonda. Arderon un transformador e unha tubaxe de auga, pero non houbo que lamentar danos físicos.
"Pola tarde iremos ver o que ardeu, pero as toxeiras que hai na contorna da aldea arderon todas".
"A miña filla ten unha casa alí arriba e botamos auga nos arbores que a rodean porque tiñamos medo que lle ardera a casiña", din os veciños.
Non é a primeira vez que o monte arde nestas parroquias de Rois, pero os veciños agardan que sexa a última. Medio Rural recorda que o número de teléfono gratuíto 085 está a disposición da cidadanía que detecte algún incendio forestal.