Suíza abre a porta a que Putin poida negociar en chan helvético sen ser detido
A presidenta asegurou que a orde de detención que pesa sobre o mandatario ruso prevé excepcións en caso de negociación

O presidente ruso Vladimir Putin podería viaxar a Suíza para participar nunhas hipotéticas negociacións sen ser detido, malia a orde de arresto que pesa contra el por parte da Corte Penal Internacional, segundo dixo este domingo a presidenta dese país Viola Amherd.
Tras finalizar o Cume da Paz de Ucraína, a mandataria asegurou nunha comparecencia que a orde de detención prevé excepcións en caso de negociación e matizou que o permiso necesitaría da aprobación do Consello Federal, o Executivo nacional do que forma parte.
Dende o seu punto de vista, o encontro foi un éxito polo alto número de líderes congregados para amosar o seu apoio á causa ucraína e, como país anfitrión, amosouse disposta a dialogar con outros países que declinaron a súa participación, como é o caso da China.
O ministro de Asuntos Exteriores suízo Ignazio Cassis agregou que informarán a Rusia e a outras nacións sobre os resultados da reunión desta fin de semana e analizarán "as formas de converxer".
Segundo a prensa helvética, o presidente brasileiro Luíz Inácio Lula da Silva, que non acudiu a Bürgenstock malia reunirse con Amherd o pasado xoves, ofreceu a axuda do seu país para tentar aproximar a Kíiv e a Moscova.