Dous días antes da constitución das Cortes, todo son incógnitas
Reyes Maroto confía en que JxCat estea "á altura" para que España "siga avanzando"
Sumar advirtelle a Junts: "Non pode impor as súas formulacións a unha maioría"
Junts manterá a tensión ata o final e non comunicará a súa decisión ata minutos antes de arrancar o pleno de Constitución da Cortes
Quedan menos de 48 horas para que arranque a XV lexislatura e todo está no aire. Non se sabe quen vai presidir o Congreso nin tampouco o Senado.
Iso si, na cámara alta é seguro que a presidencia recaerá no Partido Popular porque ten maioría absoluta. Pero na Cámara de Deputados, a incógnita é total. Nin está claro nin quen a vai presidir nin, moito menos, o repartimento de postos na Mesa.
As negociacións non se deteñen nin en festivo. Pero todo apunta a que a incógnita se vai resolver "no último minuto", segundo deputado electo de Sumar, Enrique Santiago.
O líder do Partido Comunista de España pídelle "altura de miras" a Junts nas negociacións para formar un goberno progresista e non "darlle unha segunda oportunidade ao PP e Vox cunha repetición electoral".
Pero os de Puigdemont seguen a súa propia folla de ruta e convocaron unha xuntanza telemática da súa cúpula o mesmo xoves pola mañá para tomar a decisión definitiva. Sumar lémbralle que "estamos diante dunha oportunidade histórica" e pídelle que deixen de lado posturas de máximos porque "ninguén pode impor a unha maioría as súas formulacións".
As negociacións sucédense baixo chave e ninguén se atreve a descartar opcións. Mesmo a que o PNV e o PP poidan chegar a un acordo polo que os nacionalistas presidirían o Congreso a cambio de darlle o seu apoio a Feijóo na investidura. Posibilidade remota pero non imposible.
O PP dará a batalla ata o final. Como forza máis votada, defenden o seu dereito a presidir o Congreso e a ir a unha investidura.
Agardan acontecementos mentres negocian con Coalición Canaria. Este pode ser un apoio clave. Os populares queren que a próxima semana o Rei lle encargue a Feijóo a formación do goberno. Iría polo tanto a unha primeira investidura que sería frustrada porque os números non dan para unha maioría absoluta. Se fracasara tamén a segunda, e non se conformase unha nova maioría en dous meses, a segunda cita coas urnas sería cara a finais de ano.