Sumar, Esquerda Unida e Equo rexístranse como coalición para as eleccións galegas
Marta Lois será a candidata da coalición á presidencia da Xunta de Galicia

Movemento Sumar Galicia, Esquerda Unida e Verdes rexistraron este xoves ante a Xunta Electoral de Galicia o escrito que oficializa a coalición Sumar Galicia, liderada por Marta Lois como candidata á presidencia.
Os encargados de rexistrar a coalición no Parlamento foron o secretario de Organización de Equerda Unida, Juanjo Rodríguez, e a membro da promotora de Sumar, Carme Casado.
Nun comunicado remitido á prensa, remarcan que esta coalición evidencia que “Sumar Galicia é un espazo amplo que acolle persoas e organizacións, como as asinantes, que comparten os valores do progresismo, o recoñecemento nacional de Galicia nun Estado plurinacional e a promoción dos dereitos humanos nos campos sociais, políticos, culturais e institucionais”.
Segundo os representantes das forzas políticas asinantes, Sumar Galicia é un proxecto político e cidadán que se presenta ás eleccións galegas coa vontade de transformar a sociedade galega “e contribuír a poñer fin a 14 anos do goberno do Partido Popular, de Feijóo e dos herdeiros de Feijóo, con políticas lesivas para o conxunto da cidadanía galega”.
Para iso, remarcan que “é imprescindible concentrar todos os votos progresistas, de esquerda, feministas, ecoloxistas e de todos os que queren un Estado plurinacional en Sumar Galicia” porque consideran que “canta máis forza teña Sumar Galicia, máis probable será o cambio político”.