Suspenden a vista sobre os bens do pazo de Meirás prevista para esta semana
Polo momento non se sinalou unha nova data
É a terceira vez que se apraza esta vista

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña suspendeu de novo a celebración da vista relativa ás cuestións incidentais expostas para determinar que bens forman parte do pazo de Meirás, que estaba sinalada para os días 13 e 14 de xaneiro.
Segundo informa nun comunicado o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), polo momento non se sinalou nova data.
O xulgado aceptou, desta forma, a solicitude da Administración Xeral do Estado e da Xunta, quen pediu a suspensión porque o informe pericial elaborado pola familia Franco tivo entrada no xulgado o pasado 4 de xaneiro.
O xuíz indica na providencia que a suspensión da vista está “máis que xustificada” para “garantir o dereito de defensa das partes en condicións de igualdade e non causar indefensión ás mesmas”, ao ter en conta a data na que tiveron “constancia e coñecemento” do informe pericial, o 5 de xaneiro.
Así, engade que ao non transcorrer cinco días hábiles entre a entrada do informe e o comezo da vista “considérase prudente e máis que xustificado” suspender o acto.
É a terceira vez que se apraza esta vista que inicialmente se fixou para o 22 de outubro de 2021. Unha vez consultada a dispoñibilidade do xulgado comunicarase a nova sinalización da vista.