Temperaturas baixo cero en zonas costeiras de Galicia na madrugada do sábado
Hai aviso amarelo no norte da Coruña e Lugo e na montaña de Ourense
A razón do frío intenso é o corredor de ventos do norte que crea a borrasca Juan
Os ventos do suoroeste farán remitir o frío a partir do mediodía do sábado
O intenso azul do ceo despexado do que gozamos este venres ten a súa contrapartida nunha intensa sensación de frío que se irá intensificando en toda Galicia durante a madrugada do sábado, mesmo na costa de Lugo e A Coruña. En Dumbría, por exemplo, está previsto que a mínima quede nun grao a próxima noite, unha temperatura moi baixa para esta zona.
A partir da medianoite vaise activar o aviso amarelo por baixas temperaturas practicamente en todas as comarcas costeiras de Galicia, e tamén no interior: en boa parte das provincias da Coruña e de Lugo, e no sur de Ourense, que será, como de costume, onde se rexistren as temperaturas máis xélidas: ata menos seis graos na comarca de Viana ou cinco baixo cero na da Limia.

A razón desta friaxe súbita está nunha composición atmosférica pouco habitual provocada pola combinación da borrasca Juan sobre o centro da península e o anticiclón do Atlántico, segundo explica Juan Taboada de Meteogalicia.
"As isóbaras comprímense e chega aire frío do continente europeo e xunto con el unha sensación térmica bastante por debaixo do que marcan os termómetros para esta xornada".
Esta sensación térmica non vai durar moito, porque a partir da tarde do sábado o vento irá cambiando a suroeste e volveremos a temperaturas máis cálidas do que corresponde a esta época do ano.