Traballo asina cos sindicatos o acordo para reducir a xornada laboral a 37,5 horas
"Escribimos unha nova páxina no libro das grandes conquistas laborais do noso país", di a ministra de Traballo e vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz
O secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, di que o acordo senta as bases para o modelo de traballo do século XXI, no que o paradigma non debe ser "pagar pouco e traballar moito"
Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT, di que as 37,5 horas son unha "parada" para chegar ás 32 horas semanais, a xornada semanal de 4 días
A reforma do tempo de traballo contemplará ademais o dereito á desconexión dixital dos traballadores e a mellora do rexistro horario
Os convenios colectivos terán ata o 31 de decembro de 2025 para adaptarse ás 37,5 horas
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, e os secretarios xerais de CCOO, Unai Sordo, e da UXT, Pepe Álvarez, asinaron este venres un acordo para reducir a xornada laboral a 37,5 horas semanais en 2025.
O pacto, do que se desmarcou a CEOE, comeza a dar forma a un compromiso recollido no acordo de Goberno, pero que na última semana suscitou diferenzas nos prazos de aplicación entre os socios PSOE e Sumar.
"A redución da xornada afectará 12 millóns de persoas", dixo Díaz durante o acto de firma, á vez que asegurou que, nos últimos 40 anos, non se tocou a xornada laboral, mentres que aumentou a produtividade por hora traballada máis do 50 %, polo que "chegou a hora de repartila".
"Non é un acordo máis, é un avance civilizatorio que fai progresar o noso país (...) Hoxe, unha vez máis, escribimos unha nova páxina no libro das grandes conquistas laborais do noso país, e créanme que esta é unha gran conquista laboral que se vai estudar en todas as universidades do mundo", destacou Díaz.
"Propuxémonos loitar contra a precariedade laboral na lexislatura pasada e conseguímolo. Dixéronnos que era imposible reducir a xornada laboral e aquí estamos, ímolo facer", dixo a ministra de Traballo, quen remarcou que por medidas como esta merece a pena "partir a cara en política".
Subliñou ademais que con este acordo "sáldase unha débeda" cos traballadores, porque "traballar menos non pode ser só unha prerrogativa da xente da banca, das consultorías, dos tres millóns de empregados públicas ou das grandes empresas".
"Acabouse neste país que en materia de xornada teñamos traballadores de primeira e de segunda", apuntou Díaz, que resaltou que este será un dereito que alcance "as caixeiras dos supermercados, as dependentas, as traballadoras do coidado ou as empregadas do fogar, os camareiros e a xente da limpeza, traballos que son maioritariamente femininos e ocupados por mozos".
Díaz asegurou que a norma sairá este venres a consulta pública "para que se aprobe canto antes no Congreso e no Senado", a fin de que "antes de acabar o ano 2025 quen teña unha xornada de 40 horas gañen media hora de vida máis ao día".
Xunto á rebaixa de xornada sen recorte salarial, esta reforma do tempo de traballo contemplará ademais o dereito á desconexión dixital dos traballadores e a mellora do rexistro horario.
Sobre este último punto, Díaz explicou que se establecerá un rexistro horario telemático, ao que poida acceder en remoto a Inspección de Traballo, para garantir que se cumpren as xornadas establecidas.
O acordo contempla sancións individualizadas ás empresas que incumpran coa xornada estipulada.
No acto, o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, celebrou un pacto "completo e sumamente ambicioso" nun día importante, pero que "non é o final de nada", en alusión á necesidade de sumar os apoios parlamentarios suficientes para que termine en lei e aplicándose.
Sordo lembrou que estiveron un ano negociando e reiterou que preferisen un acordo no que estivesen as patronais CEOE e Cepyme.
"É mellor e máis efectivo un acordo tripartito, pero non se pode outorgar dereito de veto a ninguén", subliñou.
Sordo confiou en que este cambio poida ter un "efecto arrastre" nos convenios baixando as xornadas e destacou o papel que pode ter para mellorar a igualdade laboral, ao abordar a parcialidade, así como na creación de emprego.
"É un acordo de xustiza social", dixo o secretario xeral de CCOO, "pero é tamén un acordo de modernización da empresa e a economía", defendendo que o paradigma non sexa que para competir haxa que "pagar pouco e traballar moito".
O secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, tamén recoñeceu que lle gustaría contar con CEOE e Cepyme no pacto e tendeulles a man para seguir falando, do mesmo xeito que farán cos grupos parlamentarios para lograr sumar unha maioría que "reflicta o que pensa a sociedade".
"Estamos convencidos de que 41 anos despois (...) ninguén debería de perderse a festa que vai representar para os traballadores", dixo Álvarez.
O líder de UXT destacou a importancia de contar cun control horario "firme e serio"; así como garantir o dereito á desconexión para ir a unha forma de traballar "máis europea".
"É un bo acordo", defendeu Álvarez, que engadiu que as 37,5 horas son unha "parada" para chegar ás 32 horas semanais, a xornada semanal de 4 días.
"Imos mobilizarnos se é necesario", engadiu o líder da UXT, que deixou claro que, pase o que pase, os sindicatos non deixarán de loitar para conseguir esta redución desde as 40 horas semanais vixentes.
Con este acordo ponse fin a unha negociación que se iniciou hai 11 meses e que pasou por distintas fases (sindicatos coa patronal, negociación tripartita e nas últimas semanas só entre o Goberno e os sindicatos).