Trece detidos en España por introducir cocaína en contedores de froitas dende Ecuador
Forman parte dunha rede internacional á que se lle interviñeron máis de 3.400 quilos de droga, 200 no porto de Alxeciras
Outras 18 persoas foron detidas en Ecuador e unha, no Reino Unido
A Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, en colaboración coa Policía Nacional de Ecuador, desmantelaron unha presunta organización criminal dedicada ao tráfico internacional de cocaína desde o país latinoameriano e ao branqueo de capitais usando unha complexa trama empresarial.
A rede introducía a droga oculta en contedores de froita. Segundo comunicou este venres a Policía Nacional, entre 2019 e 2022, interviñéronselle 3.210 quilos de cocaína en diferentes países e 200 no porto de Alxeciras (Cádiz).
Ademais dos 13 arrestados en España (sete en Málaga, dous en Barcelona, dous en Madrid, un en Cádiz e un en Valencia) outras 18 persoas foron detidas en Ecuador e unha no Reino Unido.
Nos 22 rexistros realizados nas provincias de Málaga, Barcelona, Granada, Madrid, Valencia, Cádiz e Sevilla incautáronse case 500.000 euros en efectivo, máis de 12.000 dólares, diñeiro en metálico doutras moedas estranxeiras, 12 vehículos, reloxos de alta gama, terminais móbiles e material informático. Tamén se inmobilizaron inmobles por un valor aproximado de 12 millóns de euros, se bloquearon 88 produtos financeiros e interviñeron por vía xudicial catro empresas.
🚩Desarticulada una organización criminal dedicada al tráfico internacional de #cocaína en contenedores de fruta en una operación conjunta
— Policía Nacional (@policia) February 16, 2024
Se ha detenido a 32 personas, 13 en #España, 18 en #Ecuador y uno en #ReinoUnido y se han practicado 22 registros en nuestro país pic.twitter.com/rY3E8zNwOe
En Ecuador interviñéronse máis de 2.300.000 dólares, nove vehículos e armas de fogo. Tamén se inmobilizaron 22 inmobles e múltiples produtos financeiros e interviñéronse seis entidades xurídicas, o que permitiu detectar un patrimonio branqueado de 36 millóns de euros.
Máis de 800 axentes formaron parte do operativo policial posto en marcha a raíz dunha investigación, sufragada con fondos da Comisión Europea, que se iniciou en 2020 e que continúa aberta.