Ucraína destrúe con drons un depósito de combustible en Crimea tras os bombardeos rusos
Zelenski recoñece que están preparando a contraofensiva
Os bombardeos rusos do venres deixaron 25 civís mortos
O obxectivo de Kíiv foi un depósito de combustible no porto de Sebastopol, base da frota rusa do Mar Negro na península de Crimea, anexionada por Putin en 2014.
O gobernador de Sebastopol admitiu que o ataque, efectuado con drons, queimara catro tanques pero asegurou que non ía afectar a subministración de combustible na cidade portuaria.
A intelixencia ucraína, porén, elevou a dez os tanques destruídos e advírtelles aos residentes en Crimea que eviten aproximarse a instalacións militares e de abastecemento porque isto responde a un "castigo divino" polos bombardeos rusos que mataron este venres 25 civís no centro e no leste de Ucraína.
Entre eses 25 civís mortos había 6 nenos. O máis pequeno de ano e medio, e o maior, de 16 anos. Foron os bombardeos rusos máis intensos en meses contra cidades afastadas das frontes de batalla e efectuáronse mentres a xente durmía.
Zelenski pediu máis armas para castigar a Rusia. Insistiu en que só se pode deter o terror con baterías antiaéreas, aviación moderna, artillería e blindados.
O presidente ucraíno recoñeceu que Kíiv está preparando a contraofensiva para recuperar os territorios ocupados, incluída Crimea.