Último día de sol antes das borrascas previstas para Semana Santa
No sur de Galicia as temperaturas máximas baixan 12 graos de domingo para luns
As predicións apuntan a que pode nevar por enriba dos 600 metros a próxima semana
Domingo de Ramos é por tradición domingo de estrea, e en Vigo, a 25 graos, xa se puido saír este domingo con traxe de primavera, e incluso sacar algo de roupa.
Pero que ninguén se apure a gardar a de inverno porque as temperaturas máximas baixan este luns 12 graos de golpe e aparece a chuvia. Incluso pode volver a neve ás zonas altas de Galicia.
"A partir de mañá chega a cara da primavera máis invernal. Coas borrascas xa preto que traen chuvia, aire frío e descenso evidente das temperaturas. Precipitacións que poden ser en forma de neve a última hora do luns cando a cota pode baixar aos 600 metros. A sucesión de borrascas será unha constante nos próximos días", anuncia Diego Viaño, de 'O Tempo TVG'.
Non notarán tanto o cambio de temperatura no norte da provincia da Coruña. O litoral desta cidade e a Costa da Morte aguantan xa un nordés que non deixa a mesma sensación de verán e que incluso activou o aviso amarelo por vento no mar.
O descenso de temperaturas na Coruña ou en Ferrol será duns 5 graos, pasarán de máximas de 17 este domingo a 12 nos próximos días.
Subindo cara á Mariña luguesa a diferencia é menor: a máxima foi de 14 graos e non baixarán nos próximos días dos 11.